9 oct 2020

AULA VIRTUAL 1º PRIMARIA. CURSO 2020-2021

Queridos nenos e nenas de primeiro e familias!!

Quero darvos a benvida virtual a este curso tan especial. Usaremos esta plataforma como unha prolongación do noso día a día na aula, para que aquel alumnado que non poida acudir a clase (por estar algúns días enfermo ou calquera outra circunstancia) poida saber que estamos traballando e facelo se se atopa con gañas.


Para isto empregaremos un panel de fácil manexo: o Symbaloo. Neste panel irei colgando algunhas cousiñas que traballamos na aula. O Symbaloo vai ir collendo forma ao longo do curso, pero tentarei manter a mesma estrutura dende o principio para que todo sexa máis sinxelo. A continuación explícovos como está estruturado:

👉Na parte superior dereita atoparedes un documento chamado “Planificación diaria”. Alí, acabada a xornada lectiva, anotarei o traballo feito na aula ese día.

👉Na parte superior esquerda, atoparedes carpetas co nome e a ilustración do conto quincenal a través do cal traballaremos todos os contidos das materias da titoría. Nestas carpetas anexarei o traballo relacionado con dito conto.

  • Noutros espazos do Symbaloo irei colgando outras carpetas, baixo o nome de "Organización", “Mates”, “Lectoescritura”... Aquí anexarei información organizativa do cole, traballo complementario sobre o uso das regretas, a metodoloxía de cálculo OAOA, actividades de iniciación á lectura e escritura, etc.                                                                                                                                                                                                                                                          
A maioría das propostas de actividades están pensadas para facer en formato papel, posto que este ano é máis difícil empregar as novas tecnoloxías na aula de maneira individual. Dado que tamén baseamos o noso traballo na realización de actividades manipulativas (mates con regletas, xogos de letras, lóxica, experimentos de ciencias...) subirei algunha foto deses momentos para que vexades como fixemos a actividade.

 

Espero que vos resulte útil e sinxelo o manexo desta ferramenta complementaria. Ante calquera pregunta ou suxestión, non dubidedes en contactar comigo; lémbrovos o meu correo corporativo do cole: noeminie@espinheira.org

Estou segura de que, aínda que esteamos a vivir unhas circunstancias excepcionais, será un bonito curso.

Moito ánimo e unha aperta grande!

A profe Noe.


No hay comentarios:

Publicar un comentario