17 mar 2020

Aula virtual de 2º Educación Primaria


Querido alumnado de 2º e familias.

Como xa sabedes, imos estar uns días sen ir ó cole, pero iso non quere dicir que non podamos aprender e desfrutar dende a casa. 
Coa axuda deste blogue, mandareivos diferentes propostas de actividades para que podades facer durante estes días. 

Podedes acceder a elas a través da ferramenta Symbaloo. Alí atoparedes diferentes formatos de actividades, que irei subindo aos poucos ao longo dos días. Entre eles: 
  • Fichas para escribir. Son consciente de que moitos de vós non poderedes imprimilas (eu mesmo quedei sen tinta), pero non é necesario. Simplemente pódense anotar as respostas (sen copiar enunciados) nunha folla de papel e cando volvamos a clase correxireinas todas.  
  • Fichas editables. Teñen formato PDF e nelas pódense anotar as respostas directamente (enchendo ocos, arrastrando respostas...) coma se fose un xogo interactivo. Están na carpeta “FICHAS INTERACTIVAS” e para poder facelas é necesario empregar o nome de usuario/a e o contrasinal que podemos atopar no documento do Symbaloo “IMPORTANTE: CONTRASINAIS”.
  • Xogos online de repaso de contidos de mates, gramática, ortografía, ciencias, etc. 
  • Xogos de preguntas e respostas, creados a través das páxinas Educaplay, Socrative, Quizz... 
  • Vídeos explicativos de conceptos. 
Atoparedes tamén un documento baixo o nome “IDEAS” que irei actualizando día a día, propoñendo algunhas ideas sobre que facer para inverter o tempo na casa. 

Lembrade que o máis importante é seguir mantendo unha rutina de lectura, escritura e cálculo diaria. 
Aproveitade tamén estes días para pasar tempo en familia, axudar nas tarefas do fogar, xogar moito, ler libros, facer manualidades, cociñar, escoitar música, bailar, ver pelis... deixade voar a vosa imaxinación: hai moitas cousas que facer! 

Se tedes algunha pregunta ou suxerencia, non vos esquezades de contactar comigo. Eu seguirei en contacto con vós para informarvos de posibles cambios que poida haber nos seguintes días. 

Dentro de nada todo volverá á normalidade e volveremos encher a nosa aula de alegría.
Unha aperta grande para todas e todos da profe Noe.


16 mar 2020

Aula virtual de 1º



Estimadas familias,
Como vos comentei, nesta entrada tedes aceso aos recursos enlazados no symbaloo, hai fichas, xogos, vídeos e outros documentos que irei engadindo e variando cos días. Cando remate cada semana, o material da mesma gardareino nunha carpeta coa icona dun calendario e por nome a data da semana correspondente, pero non desaparecerá.
Ás actividades que subín da app de realidade aumentada Chromeville, que é gratuita, xa as fixeron na aula, pero como son máis lúdicas ao mellor lles apetece repasalas con vós e ensinarvos o funcionamento da app.
No Symbaloo as actividades están clasificadas por cores: as azuis son de lingua castelá, as moradas de lingua galega, as amarelas de matemáticas e as verdes de ciencias. Ademais, hai un grupo gris no que porei algunha cousa que crea que poida ser do voso interese así como xogos e pasatempos para descargar.

Aquelas actividades cuxo nome comeza por inter e teñen unha icona de conectividade son PDF editables e autoavaliables que me podedes reenviar ao correo electrónico ao finalizar. 

As outras actividades que non son modificables non é necesario que as imprimades se non tedes a posibilidade, é suficiente con que escribades as respostas nunha folla.  

Por último, temén tedes un arquivo con retos... seredes capaces de superalos? Moito ánimo!
Espero que este tempo na casa sexa o máis gustoso posible e que nos vexamos pronto.