23 ene 2022

AULA VIRTUAL 1º E 2º DE PRIMARIA. CURSO 2021-2022

Queridiñas nenas, queridiños nenos e queridiñas familias! 

Quero darvos a benvida virtual a esta semana diferente do curso... Para poder seguir traballando, empregaremos esta plataforma como unha prolongación do noso día a día na aula. Se vos atopades con ganas e enerxía, xa sabedes como ocupar o tempo, alimentando o cerebro!

Para isto empregaremos un panel de fácil manexo: o Symbaloo. Nel atoparedes carpetas con propostas para cada día da semana. Levan como identificativo o curso (1º ou 2º EP) e diferentes cores (1º en verde e 2º en rosa). Soamente teredes que premer en cada unha delas e ver que vos depara o día! Xa veredes que haberá actividades interactivas e diferentes tarefas. Tamén atoparedes un enlace ao blogue de inglés, para que poidades acceder a actividades moi entretidas. 

Dende xa comeza o tempo atrás para volver a vernos! 
As mestras Laura e Noe! 💗




9 oct 2020

AULA VIRTUAL 1º PRIMARIA. CURSO 2020-2021

Queridos nenos e nenas de primeiro e familias!!

Quero darvos a benvida virtual a este curso tan especial. Usaremos esta plataforma como unha prolongación do noso día a día na aula, para que aquel alumnado que non poida acudir a clase (por estar algúns días enfermo ou calquera outra circunstancia) poida saber que estamos traballando e facelo se se atopa con gañas.


Para isto empregaremos un panel de fácil manexo: o Symbaloo. Neste panel irei colgando algunhas cousiñas que traballamos na aula. O Symbaloo vai ir collendo forma ao longo do curso, pero tentarei manter a mesma estrutura dende o principio para que todo sexa máis sinxelo. A continuación explícovos como está estruturado:

👉Na parte superior dereita atoparedes un documento chamado “Planificación diaria”. Alí, acabada a xornada lectiva, anotarei o traballo feito na aula ese día.

👉Na parte superior esquerda, atoparedes carpetas co nome e a ilustración do conto quincenal a través do cal traballaremos todos os contidos das materias da titoría. Nestas carpetas anexarei o traballo relacionado con dito conto.

  • Noutros espazos do Symbaloo irei colgando outras carpetas, baixo o nome de "Organización", “Mates”, “Lectoescritura”... Aquí anexarei información organizativa do cole, traballo complementario sobre o uso das regretas, a metodoloxía de cálculo OAOA, actividades de iniciación á lectura e escritura, etc.                                                                                                                                                                                                                                                          
A maioría das propostas de actividades están pensadas para facer en formato papel, posto que este ano é máis difícil empregar as novas tecnoloxías na aula de maneira individual. Dado que tamén baseamos o noso traballo na realización de actividades manipulativas (mates con regletas, xogos de letras, lóxica, experimentos de ciencias...) subirei algunha foto deses momentos para que vexades como fixemos a actividade.

 

Espero que vos resulte útil e sinxelo o manexo desta ferramenta complementaria. Ante calquera pregunta ou suxestión, non dubidedes en contactar comigo; lémbrovos o meu correo corporativo do cole: noeminie@espinheira.org

Estou segura de que, aínda que esteamos a vivir unhas circunstancias excepcionais, será un bonito curso.

Moito ánimo e unha aperta grande!

A profe Noe.


7 oct 2020

AULA VIRTUAL 2º PRIMARIA - CURSO 2020-2021

 Estimadas familias e alumnado de segundo,


Como xa sabedes, este ano é un pouco atípico. Tendo en conta a situación actual faise necesario establecer un sitio web onde poder ir colgando o material e traballo diario da aula. Deste xeito, aquel alumnado que non poida acudir ao centro logre seguir a planificación, sempre e cando o seu estado de saúde o permita.

O panel está organizado da seguinte maneira:

- Na parte superior dereita tedes un documento que se chama Diario de actividades. Alí irei explicando diariamente o traballo que imos facendo na aula.

- Os contos e todos os seus materiais están colocados na parte superior en carpetas. Cada unha ten a imaxe da portada para que o recoñezades rapidamente e o nome do conto debaixo.

- Na parte inferior están os outros materiais que se traballan que non están relacionadas co conto. Están organizados en carpetas, unha para cada semana, e teñen como imaxe de portada o nome do mes correspondente. Só tedes que fixarvos que o nome da ficha se corresponda co que eu indico no Diario de actividades para evitar erros.

Para acceder aos documentos so tedes que picar enriba da icona e xa se vos abre unha lapela. Se vedes os cadradiños moi pequenos ampliade a páxina co zoom.

Espero que vos resulte doado seguir a aula virtual. Se tedes algunha pregunta non dubidedes en contactar comigo.

Un saúdo,

Virginia.



18 jun 2020

Despedida do curso

Meus pequen@s, espero que este curso vos resultase tan marabilloso e bonito como a min, bueno, sexamos sinceros, mentres estivemos no cole e puiden divertirme e rir moito con vós. 

Sodes uns nen@s fantásticos e despois de todo o traballo que fixestes só podo felicitarvos e agradecervos todo o cariño recibido e a vosa implicación.  Chegou o momento de descansar e gozar moito en familia.

Deséxovos unhas moi felices vacacións de verán!



17 abr 2020

Classroom de 2º Educación Primaria

Queridos nenos e nenas de segundo!!
Espero que esteades xenial!! Xa levamos tempo sen estar xuntos, pero iso significa que xa queda menos para volvernos a ver.

 Esta entrada do blogue é para explicarvos que a partir de agora as tarefas do terceiro trimestre ímolas a facer a través da aplicación Google Classroom.

Seguro que xa recibistes un Abalar cos datos necesarios para rexistrarvos.
Aquí vos deixo o titorial que fixo o profe Alfonso para que vos resulte sinxelo seguir os pasos:
Unha vez que xa esteades rexistrados, é moi fácil acceder á nosa nova aula virtual.
Aquí vos deixo outro vídeo para amosarvos como é a plataforma, como podemos subir tarefas… e algunha sorpresa máis!! Prestádelle moita atención:




Aproveito para dicirvos támén que este trimestre traballaremos a través de actividades globalizadas, é dicir, traballaremos a través dun conto semanal todas as competencias e todas as materias (matemáticas, linguas, ciencias, educación artística, valores...). Como ata agora, realizaremos tamén diferentes tipos de tarefas, tanto escritas como manipulativas e interactivas.


Espero que vos servise de axuda esta información e xa sabedes, se tedes algunha dúbida, contactade comigo.
Vémonos pronto!!
Unha aperta a todas e todos.

17 mar 2020

Aula virtual de 2º Educación Primaria


Querido alumnado de 2º e familias.

Como xa sabedes, imos estar uns días sen ir ó cole, pero iso non quere dicir que non podamos aprender e desfrutar dende a casa. 
Coa axuda deste blogue, mandareivos diferentes propostas de actividades para que podades facer durante estes días. 

Podedes acceder a elas a través da ferramenta Symbaloo. Alí atoparedes diferentes formatos de actividades, que irei subindo aos poucos ao longo dos días. Entre eles: 
  • Fichas para escribir. Son consciente de que moitos de vós non poderedes imprimilas (eu mesmo quedei sen tinta), pero non é necesario. Simplemente pódense anotar as respostas (sen copiar enunciados) nunha folla de papel e cando volvamos a clase correxireinas todas.  
  • Fichas editables. Teñen formato PDF e nelas pódense anotar as respostas directamente (enchendo ocos, arrastrando respostas...) coma se fose un xogo interactivo. Están na carpeta “FICHAS INTERACTIVAS” e para poder facelas é necesario empregar o nome de usuario/a e o contrasinal que podemos atopar no documento do Symbaloo “IMPORTANTE: CONTRASINAIS”.
  • Xogos online de repaso de contidos de mates, gramática, ortografía, ciencias, etc. 
  • Xogos de preguntas e respostas, creados a través das páxinas Educaplay, Socrative, Quizz... 
  • Vídeos explicativos de conceptos. 
Atoparedes tamén un documento baixo o nome “IDEAS” que irei actualizando día a día, propoñendo algunhas ideas sobre que facer para inverter o tempo na casa. 

Lembrade que o máis importante é seguir mantendo unha rutina de lectura, escritura e cálculo diaria. 
Aproveitade tamén estes días para pasar tempo en familia, axudar nas tarefas do fogar, xogar moito, ler libros, facer manualidades, cociñar, escoitar música, bailar, ver pelis... deixade voar a vosa imaxinación: hai moitas cousas que facer! 

Se tedes algunha pregunta ou suxerencia, non vos esquezades de contactar comigo. Eu seguirei en contacto con vós para informarvos de posibles cambios que poida haber nos seguintes días. 

Dentro de nada todo volverá á normalidade e volveremos encher a nosa aula de alegría.
Unha aperta grande para todas e todos da profe Noe.


16 mar 2020

Aula virtual de 1º



Estimadas familias,
Como vos comentei, nesta entrada tedes aceso aos recursos enlazados no symbaloo, hai fichas, xogos, vídeos e outros documentos que irei engadindo e variando cos días. Cando remate cada semana, o material da mesma gardareino nunha carpeta coa icona dun calendario e por nome a data da semana correspondente, pero non desaparecerá.
Ás actividades que subín da app de realidade aumentada Chromeville, que é gratuita, xa as fixeron na aula, pero como son máis lúdicas ao mellor lles apetece repasalas con vós e ensinarvos o funcionamento da app.
No Symbaloo as actividades están clasificadas por cores: as azuis son de lingua castelá, as moradas de lingua galega, as amarelas de matemáticas e as verdes de ciencias. Ademais, hai un grupo gris no que porei algunha cousa que crea que poida ser do voso interese así como xogos e pasatempos para descargar.

Aquelas actividades cuxo nome comeza por inter e teñen unha icona de conectividade son PDF editables e autoavaliables que me podedes reenviar ao correo electrónico ao finalizar. 

As outras actividades que non son modificables non é necesario que as imprimades se non tedes a posibilidade, é suficiente con que escribades as respostas nunha folla.  

Por último, temén tedes un arquivo con retos... seredes capaces de superalos? Moito ánimo!
Espero que este tempo na casa sexa o máis gustoso posible e que nos vexamos pronto.